Buscar este blog

martes, 9 de junio de 2026

TERCEIRA E CUARTA REUNIÓN DO CLUB DE PROFES

 O día 20 de maio acudimos como convidados ao CPI 12 de Outubro para realizar unha xornada conxunta de Clubs de lectura. O libro que eliximos para o faladoiro foi Comerás flores de Lucía Solla Sobral, unha escritora que se estrea con este libro, convertido nun grande éxito editorial.


O libro, en xeral, gustou moito pola forma de narrar fresca e lírica, que nos aproximaba aos sentimentos e sensacións da protagonista. Entre os acertos, o que máis se comentou foi a estrutura paralelística para remarcar todo o que ía perdendo a protagonista coa súa nova relación de parella.

O tema tamén impactou bastante, xa que fala dunha forma de control e maltrato tan sutil que fai que a protagonista dubide sobre as súas propias percepcións, mentres que o lector, desde fóra, é consciente do desastre que se está fraguando. 

Entre as persoas que asistimos do CPI José García García e as do 12 de Outobro eramos un grupo bastante numeroso e o debate foi moi interesante.

Momentos da reunión na biblioteca do IES 12 DE OUTUBRO:

O día 4 de xuno reunímonos, coma sempre nun xantar, o Club de lectura de Mende, porque a anterior vez había moitos compañeiros e compañeiras que non puideran asistir. A nosa xuntanza é máis informal, pero con reflexións sobre o libro igualmente interesantes. 

Falouse de que o libro remove por dentro e, no caso dos homes, fíxolles cuestionarse a si mesmos e reflexionar sobre a súa forma de actuar. Tamén deu pé para comentarios sobre situacións semellantes que se dan na vida real e que case todos coñecemos, polo que o tema segue estando de actualidade e hai moitas mulleres que o sofren, algunhas incluso toda a súa vida. 

Concordamos todas as persoas asistentes que a elección foi un acerto e deixounos con gana de máis.

Momentos do xantar-faladoiro literario:

Xa á hora do café, fixemos unha valoración da experiencia do club, e decidimos que nos gustara tanto que pensamos repetir o curso que vén.

BOAS VACACIÓNS E FELICES LECTURAS A TODAS!

No hay comentarios:

Publicar un comentario