Buscar este blog

viernes, 8 de marzo de 2024

TERCEIRA LECTURA DO GRUPO DE 1º e 2º DA ESO

 

Durante o mes de xaneiro e febreiro, o grupo de 1º e 2º da ESO estivo a ler Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras. Trátase dunha áxil e engaiolante novela, narrada a varias voces, que engarzan unha serie de temas moi actuais: as redes sociais e os seus perigos, a soidade, os medos, o amor...

Celebramos reunións quincenais: os días 9 e 23 de xaneiro e o 6 e 20 de febreiro. Cada reunión foi adicada a unha das catro partes nas que está dividida a novela. Cada parte está narrada por unha voz diferente. Cada un dos catro protagonistas van narrando esta fascinante historia na que Blue Shiva, a deusa das redes sociais, perde a vida por un perigoso reto viral.

En xeral, a obra tivo moi boa acollida. Os alumnos enseguida quedaron fascinados e atrapados por esta lectura que trata moitos temas encubertos como son os novos sistemas de comunicación e a soidade que, moitas veces, se atopa detrás deles. A novela co seu ritmo áxil e coas súas fermosas descricións das paisaxes marítimas dun Nordestal frío e chuvioso capta a nosa atención e préndenos ás súas páxinas.