Buscar este blog

viernes, 5 de abril de 2024

CUARTA REUNIÓN DO GRUPO DE MAIORES

 CUARTA REUNIÓN DO CLUB

O pasado venres, 5 de abril, reunímonos de novo os integrantes do Club de lectura de maiores para comentar a novela de Jordi Sierra i Fabra, La desaparición de Julia.

La desaparición de Julia céntrase nas primeiras vinte e catro horas tras a desaparición dunha moza que non volveu a casa despois dunha festa. As posibilidades de atopala con vida diminúen a medida que avanza o reloxo. Todos son conscientes de que esas primeiras horas son fundamentais. 

 O libro en xeral gustou, pois ten un ritmo trepidante e mantense durante toda a novela, xa que a información adminístrase aos poucos, o xusto para que non queiramos deixar o libro ata chegar á última páxina. Os capítulos son breves e o estilo do autor é sinxelo, directo. 

Ao longo da historia, seremos testemuñas de como a súa familia afronta a angustia e a incerteza, os dramas adolescentes nos que a desaparecida estaba envolvida, como actúa a policía nesta situación extrema… Coñecer a perspectiva de tantos personaxes fainos partícipes da ansiedade por atopar a Julia. 

Un dos puntos máis interesantes foron os personaxes adolescentes, pois cando Julia desaparece, o pequeno mundo deste grupo de amigos salta polo aire. Ata entón, as súas preocupacións eran o amor non correspondido, os estudos, a relación cos pais…, pero teñen que relegar todo eso a un segundo plano para centrarse en Julia. 

A novela profunda nun tema que por desgraza é dolorosamente familiar para todos. A violencia contra as mulleres adoita ser unha noticia que se repite a miúdo nos xornais e telexornais, e con todo segue sendo un tema tabú. A desaparición de Julia é unha historia difícil, incómoda, pero lanza unha luz esperanzadora.

 Trala reunión decidimos a próxima lectura, unha antoloxía en cómic poético de Yolanda Castaño que leva por título O puño e a letra, 40 poemas interpretados en viñetas por 40 dos nomes máis salientables da escena galega, 40 textos seleccionados de entre os 25 anos de aventura literaria de Yolanda Castaño.


Diferentes momentos da reunión





                                              A NOSA PRÓXIMA LECTURA



                  ALGÚNS MEMBROS DO CLUB POSANDO COA PRÓXIMA LECTURA