Buscar este blog

viernes, 5 de abril de 2024

CUARTA REUNIÓN DO GRUPO DE MAIORES

 CUARTA REUNIÓN DO CLUB

O pasado venres, 5 de abril, reunímonos de novo os integrantes do Club de lectura de maiores para comentar a novela de Jordi Sierra i Fabra, La desaparición de Julia.

La desaparición de Julia céntrase nas primeiras vinte e catro horas tras a desaparición dunha moza que non volveu a casa despois dunha festa. As posibilidades de atopala con vida diminúen a medida que avanza o reloxo. Todos son conscientes de que esas primeiras horas son fundamentais. 

 O libro en xeral gustou, pois ten un ritmo trepidante e mantense durante toda a novela, xa que a información adminístrase aos poucos, o xusto para que non queiramos deixar o libro ata chegar á última páxina. Os capítulos son breves e o estilo do autor é sinxelo, directo. 

Ao longo da historia, seremos testemuñas de como a súa familia afronta a angustia e a incerteza, os dramas adolescentes nos que a desaparecida estaba envolvida, como actúa a policía nesta situación extrema… Coñecer a perspectiva de tantos personaxes fainos partícipes da ansiedade por atopar a Julia. 

Un dos puntos máis interesantes foron os personaxes adolescentes, pois cando Julia desaparece, o pequeno mundo deste grupo de amigos salta polo aire. Ata entón, as súas preocupacións eran o amor non correspondido, os estudos, a relación cos pais…, pero teñen que relegar todo eso a un segundo plano para centrarse en Julia. 

A novela profunda nun tema que por desgraza é dolorosamente familiar para todos. A violencia contra as mulleres adoita ser unha noticia que se repite a miúdo nos xornais e telexornais, e con todo segue sendo un tema tabú. A desaparición de Julia é unha historia difícil, incómoda, pero lanza unha luz esperanzadora.

 Trala reunión decidimos a próxima lectura, unha antoloxía en cómic poético de Yolanda Castaño que leva por título O puño e a letra, 40 poemas interpretados en viñetas por 40 dos nomes máis salientables da escena galega, 40 textos seleccionados de entre os 25 anos de aventura literaria de Yolanda Castaño.


Diferentes momentos da reunión





                                              A NOSA PRÓXIMA LECTURA



                  ALGÚNS MEMBROS DO CLUB POSANDO COA PRÓXIMA LECTURA



viernes, 8 de marzo de 2024

TERCEIRA LECTURA DO GRUPO DE 1º e 2º DA ESO

 

Durante o mes de xaneiro e febreiro, o grupo de 1º e 2º da ESO estivo a ler Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras. Trátase dunha áxil e engaiolante novela, narrada a varias voces, que engarzan unha serie de temas moi actuais: as redes sociais e os seus perigos, a soidade, os medos, o amor...

Celebramos reunións quincenais: os días 9 e 23 de xaneiro e o 6 e 20 de febreiro. Cada reunión foi adicada a unha das catro partes nas que está dividida a novela. Cada parte está narrada por unha voz diferente. Cada un dos catro protagonistas van narrando esta fascinante historia na que Blue Shiva, a deusa das redes sociais, perde a vida por un perigoso reto viral.

En xeral, a obra tivo moi boa acollida. Os alumnos enseguida quedaron fascinados e atrapados por esta lectura que trata moitos temas encubertos como son os novos sistemas de comunicación e a soidade que, moitas veces, se atopa detrás deles. A novela co seu ritmo áxil e coas súas fermosas descricións das paisaxes marítimas dun Nordestal frío e chuvioso capta a nosa atención e préndenos ás súas páxinas.



domingo, 28 de enero de 2024

TERTULIAS LITERARIAS NO LICEO DE OURENSE

  Un ano máis o noso centro participa xunto con outros 13 centros de ESO e Bacherelato da provincia, nas tertulias organizadas pola Concellería de Educación e pola Deputación Provincial de Ourense. 



 A primeira parte das tertulias (en galego) tivo lugar o pasado mércores, 24 de xaneiro. A obra elixida para comentar nesta ocasión foi As alumnas de Paula Carballeira, Premio Nacional de literatura dramática 2023,  que propiciou un debate apaixonado, sobre todo nos temas da educación e a situación da muller na posguerra.

A continuación tivemos un encontro coa autora, que resultou do máis interesante e ameno, posto que é unha gran comunicadora e ten o público pendente de cada unha das súas palabras. Ao final tanto o noso alumnado como o dos demais centros de Ourense puideron facerlle preguntas e firmou exemplares do seu libro.

                                                                                                    

O noso alumnado chegando á sala do Liceo

Co seu profesor, Celso, esperando o inicio da tertulia.


O suplemento "Vida" do xornal "A Rexión",
recollendo diferentes momentos da posta en común.

                                             ENCONTRO CON PAULA CARBALLEIRA

A autora firmando exemplares do libro a nosas alumnas



Esperando a Paula Carballeira




jueves, 25 de enero de 2024

TERCEIRA REUNIÓN DO GRUPO DE MAIORES

 

TERCEIRA REUNIÓN DO CLUB

O pasado xoves 25 de xaneiro, reunímonos de novo os integrantes do club de lectura (grupo de 3º e 4º da ESO) para comentar a novela, A culpa, da escritora e xornalista galega, María Solar.

Amanda, empregada dunha pequena sucursal bancaria, convértese inesperadamente na única herdeira da señora Gondar, unha muller vella de aspecto miserable e fedor insoportable que visitaba cada seis meses a oficina para controlar as súas contas millonarias. A moza, xunto co seu amante xornalista, Enric, comeza unha investigaciónsobre a identidade da anciá e descobre a historia que uniu de por vida a dúas mulleres poderosas,  Mirta e Marcela: os terribles segredos que as devoran, as culpas que as perseguen e a tóxica relación entre elas que remata nun final perturbador. Amanda non só herdou unha fortuna, tamén herdou unha culpa.

 É un libro cuxa lectura, á maioría, pareceunos bastante forte. A frialdade coa que Mirta asasina, fíxonos expor un debate sobre se a violencia xustifica a vinganza, habendo opinións diferentes a este respecto.

Tamén falamos das relacións tóxicas presentes na novela, concluíndo que o peor desas relacións, tal como vimos no libro, é que os que están nesa relación non se dan conta ou non queren darse conta de certas actitudes ata que xa é moi tarde.

O final pareceunos previsible pero moi dramático.

 Trala reunión decidimos  a nosa próxima lectura que será en castelán e leva por título, La desaparición de Julia, de Jordi Sierra i Fabra.

                                                    COMENTANDO A CULPA






ELIXINDO A NOSA PRÓXIMA LECTURA




                                          A NOSA PRÓXIMA LECTURA


             MEMBROS DO CLUB POSANDO COA NOSA PRÓXIMA LECTURA




lunes, 8 de enero de 2024

CLUB DE LECTURA DE 1º E 2ª DA ESO

 

ORGANIZACIÓN E PRIMEIRAS REUNIÓNS 

 Durante este curso 2023-2024, no club de lectura de 1º e 2º da ESO, hai dúas modalidades:

·         MODALIDADE 1. Un grupo de alumnos acode a unha reunión semanal na que se fan lecturas de diferentes obras.

Durante a primeira avaliación, estívose a ler a obra teatral O achado do castro de Manuel Núñez Singala. Obra de carácter humorístico, ambientada na Roma antiga pero protagonizada por personaxes que actúan e falan coma hoxe en día, dando lugar a situacións moi cómicas.

É unha obra que gusta moito ao alumnado, de feito, repetímola porque eles mesmos o solicitan.

 

·         MODALIDADE 2. Nesta modalidade, alumnado e profesorado reúnense unha vez ao mes para intercambiar opinións sobre a lectura das obras seleccionadas previamente.

Neste primeiro trimestre, propúxose como lectura Del color de la leche, de Nell Leyshon, unha pequena pero concentrada novela que aborda temas duros como a pobreza, o analfabetismo ou o abuso e maltrato infantil.

O 7 de novembro reunímonos para intercambiar as nosas opinións sobre a lectura. En xeral, non gustou moito ao alumnado pola temática e pola época na que está ambientada.

Seleccionouse como seguinte lectura a novela Que me pare o corazón se te esquezo de Andrea Maceiras.

                               PRIMEIRAS LECTURAS 




                        Membros do Club posan co libro de Núñez Singala

                 

                                          Diferentes momentos da posta en común



                                               A PRÓXIMA LECTURA


Membros do club posando co libro elixido