Buscar este blog

domingo, 21 de mayo de 2017

COMENTAMOS EL NIÑO EN LA CIMA DE LA MONTAÑA

En El niño en la cima de la montaña John Boyne volve a escribir sobre un dos seus temas favoritos e recurrentes ao longo da súa carreira como escritor: o nazismo. Xa leramos outra obra súa sobre o mesmo tópico. Resultaba, entón, imposible non facer comparacións. Todos estivemos de acordo en que a historia relatada en El niño en la cima de la montaña é moito máis terrible e descarnada que a proposta en El niño del pijama de rayas. 

A transformación de Pierrot en Pieter ao longo da novela dá medo aínda que en parte poidamos entendela ou en certa maneira "xustificala". Cando Pierrot chegou a esa casa na cima da montaña era só un neno desvalido que non tiña nada na vida. De ser un ninguén pasa a conseguir poder. Xa sabemos que do mesmo xeito que se deixa influenciar por Hitler, tamén podía aprender do bo exemplo da súa tía. Pero Beatrix, esa tía que o recolle e se ocupa del, era tan descoñecida para o rapaz coma o mesmo Hitler. Ao final da historia, Pieter dáse conta dos seus erros. Claro que el está no bando dos perdedores. E se o resultado da guerra tivera sido outro?

No fondo Pieter é un símbolo de millóns de alemáns que apoiaron a un tolo. Non hai que esquecer que Hitler chegou ao poder democraticamente. Alemaña vivía sumida nunha época de crise, despois de perder a primeira guerra mundial. Son circunstancias propicias para que os nacionalismos triunfen. Que pode facer un pobo cando cae nas mans dun desequilibrado? Pode poñerse da súa parte gozando do poder ou loitar contra el. Beatrix, o chofer e a cociñeira da casa entran dentro desta última categoría e págano coas súas vidas. Despois está toda aquela xente que ten medo desa persoa. Só hai que acordarse do pavor que no pobo daba o propio Hitler ou calquera que traballara directamente para el. Herta, a criada que se vai da casa ao final da historia, expresa unha idea moi importante na súa despedida de Pieter. Todos foron responsables do que pasou, porque sabían a verdade e non fixeron nada. 

Se todas as persoas que nos gobernan ao longo da historia tiveran en mente o ben común, situacións que levan a que xente como Hitler chegue ao poder non se producirían. Todo sistema fracasa se a obtención do ben común se perde de vista. Aos cidadáns só nos queda o papel de vixiar para que isto non pase. Vendo como vai o mundo na actualidade, a tarefa parece ser ben difícil.