Buscar este blog

jueves, 19 de junio de 2025

SEXTA E ÚLTIMA REUNIÓN DO GRUPO DE 1º e 2º DA ESO

O pasado mércores, 18 de xuño,  reunímonos os membros do club de lectura de 1º e 2º da ESO. Esta vez fixemos unha pequena excursión a pé ata Oira, para facer a nosa sesión nunha terraza ao aire libre. 

Comentamos A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre. Aínda que comentan que era fácil de ler, non lles gustou moito. Parece que este ano só foi do seu gusto Erik Vogler

A historia non conseguiu enganchalos, e os problemas da protagonista, ter que chegar a un centro novo coa cabeza rapada por unha enfermidade, non lles resultaron próximos nin conseguiron empatizar con ela.

Trataremos de probar cousas novas o curso que vén, cun dobre obxectivo: conseguir que gocen coa lectura e abrir novos horizontes para educar o seu gusto literario e que non se reduza a un só tipo de libro.

Os membros do club, nun momento da saída:

Durante a reunión:


SEXTA E ÚLTIMA REUNIÓN DO GRUPO MIXTO DE 3º e 4º DA ESO


   
O pasado venres, 13 de xuño,  reunímonos os membros do club de lectura de 3º e 4º da ESO mais profesores . Esta vez foi nun restaurante, como xa é tradición, para a despedida por este ano. Tamén despedimos aos itegrantes de cuarto da ESO, que se van do centro. Os de terceiro esperamos que sigan nesta actividade o vindeiro curso. 

Comentamos con As malas mulleres, de Marilar Aleixandre. Poucos conseguiron rematalo, posto que nos coincidiu cos Faladoiros do concello, que se celebraron o día anterior, e a maioría do alumnado tamén participou neles. Aos que lograron chegar ao final acabou gustándolles, xa que a segunda parte ten un ritmo máis áxil e é a parte máis novelada. A primeira parte contén moitas cartas de Concepción Arenal que, a pesar de que son un testemuño importante dunha época e da situación das mulleres  en prisións, ao noso alumnado resultoulles complicado e lento en exceso.

Asistiron bastantes e gustoulles moito a reunión nun lugar distinto ao habitual, polo que procuraremos repetilo.

Agradecemos a todos os asistentes a participación neste tipo de actividades que requiren un esforzo pola súa parte e pedimos unha valoración, coa intención de mellorar no vindeiro curso. En xeral gustoulles a actividade pero comentan que son demasiadas lecturas, que acaban coincidindo con exames. Terémolo en conta á hora de planificar o novo curso académico.

Os membros do club, diante da nosa biblioteca, momentos antes de saír para o restaurante: