Buscar este blog

jueves, 27 de noviembre de 2025

TERCEIRA REUNIÓN DO GRUPO DE 1º E 2º DA ESO

    O luns 24 de novembro, reunímonos co alumnado de 1º e 2º da ESO. Tocaba rematar o libro I`m Obelix, de Raquel Fernánez Fernández, que, como comentaron na anterior reunión, estáballes a gustar moito.

    Nesta ocasión falamos dos distintos narradores e narradoras, porque mostraban o punto de vista de persoas que estaban en moi distinta situación con respecto á historia. É interesante coñecer o punto de vista de Ismael, o neno acosado, e comentouse moito o seu desexo de morrer, como lle dixo á psicóloga; pero tamén resultou interesante saber como pensaba Álex, o acosador, e a nai de Carme. Estes dous testemuños prodúcennos bastante malestar, porque xustifican o comportamento agresor.

    Tamén debatemos sobre a verosimilitude dos personaxes, e mesmo se comentou que varios coñecían rapaces que lles recordaban tanto ao acosado como aos distintos acosadores.

    A novela,  ademais de ser entretida e do agrado dos membros do club, serviu para reflexionar sobre un tema que preocupa moito actualmente nos centros de educación e esperamos que tamén sirva para sensibilizar sobre o tema e sobre a necesidade de non gardar silencio cando se presencia unha situación de acoso. 

Algúns momentos durante o debate:



    Reunirémonos de novo en decembro para escoller o segundo libro do noso club, agardamos que teña tanto éxito coma este. 

     

TERCEIRA REUNIÓN DO GRUPO MIXTO DE 3º E 4º DA ESO

 Dada a natureza numerosa do grupo, as reunións do noso club de lectura organizáronse  novamente en dúas xornadas consecutivas: a sesión do luns, 17 de novembro,  estivo dedicada ao alumnado de 3º e 4º de ESO que leu Martes con mi viejo profesor, de Mitch Albom; o martes, 18 de novembro, a reunión celebrouse co grupo de estudantes que leu Golpes de luz, de Ledicia Costas.


En xeral, a obra non está entre as predilectas do alumnado, que coincidiu en sinalar que a temática principal non lograba establecer unha conexión coas súas inquedanzas actuais.

O debate comezou centrándose na actitude do protagonista ante o avance da súa enfermidade, a ELA, e a súa consecuente dependencia. O que para moitos de nós podería percibirse como unha situación humillante ou vexatoria, el interprétao como unha verdadeira mostra de afecto e coidado por parte de quen o rodea.

O diálogo expandiuse a outros temas de interese, máis aló do drama da ELA: abordamos o contraste entre a vellez e a mocidade, analizando a actitude social contemporánea cara aos nosos maiores e as barreiras coas que se enfrontan no referente ao emprego das novas tecnoloxías.

Finalmente, dedicamos un espazo ao matrimonio, denunciando a situación de vulnerabilidade que historicamente viviron as mulleres ao carecer de opcións reais de separación ou independencia, así como o estigma social que conlevaba estar separada. Comentamos a profunda transformación desta realidade no contexto actual.

Algúns momentos durante o debate

Golpes de luz, Ledicia Costas

A novela gozou dunha extraordinaria acollida por parte do alumnado, que quedou cativado polo desenvolvemento desta divertida novela.

O debate da segunda parte iniciouse abordando a figura da avoa Luz e os momentos máis dinámicos e divertidos que ela protagoniza, destacando especialmente: o episodio no que, para destruír probas incriminatorias do narcotráfico, decide queimar un cofre ateigado de billetes; a anécdota na que destrúe unha aspiradora e entérraa no xardín ou o suceso do seu aniversario, onde se enfronta con gran carácter aos operarios para impedir que realicen arranxos no xardín.

 Fronte á comicidade destes fragmentos, a discusión virou cara aos aspectos máis serios e transcendentais da obra: o suposto suicidio da irmá da protagonista, debido aos abusos dos que foi vítima; a dureza da separación matrimonial por mor dunha infidelidade; os malos tratos escolares  ou bullying que padece Sebas nesta parte ou os remorsos derivados dun asasinato e o consecuente silencio mantido pola avoa Luz durante toda unha vida.

Profesores e alumnos durante o debate:



jueves, 13 de noviembre de 2025

SEGUNDA REUNIÓN DO GRUPO DE 1º E 2º DA ESO

O mércores 5 de novembro, reunímonos co alumnado de 1º e 2º da ESO. Aínda que a lectura proposta inicialmente foi Las ventajas de ser un marginado, este título cambiouse por  I`m Obelix, de Raquel Fernánez Fernández, porque o grupo é moi numeroso e non había exemplares suficientes.

En xeral, o libro está tendo moi boa acollida. O seu ritmo áxil e o multiperspectivismo narrativo fai que resulte unha lectura atractiva e doada para o alumnado.

A reunión deunos para debater sobre temas como TDAH, visto desde perspectivas diferentes: a dos pais, a dos profesores… Tamén se falou sobre a necesidade e mesmo preocupación que, moitas veces, ten o alumnado por encaixar no grupo clase; o que nos leva a achegarnos aos alumnos máis populares, que non sempre van ser os máis axeitados nin afíns a nós. Despois disto, falamos do verdadeiro valor da amizade.

Hai un interese xeneralizado por saber que destino lle espera ao noso protagonista: se a situación que está a vivir se vai complicar, se esas burlas das que é obxecto se van incrementar…Para saber todo iso, temos que continuar lendo o libro.

Algúns momentos durante o debate: