Buscar este blog

domingo, 1 de febrero de 2026

QUINTA REUNIÓN DO GRUPO DE 3º e 4º DA ESO

 O luns 19 de xaneiro reunímonos co grupo de alumnos de 4º da ESO que está lendo Golpes de Luz, de Ledicia Costas, para comentar a primeira parte deste libro.


A lectura da novela está resultando, unha vez máis, moi atractiva para o alumnado. Desta volta, comentamos que o multiperpectivismo narrativo suaviza temas tan duros como o alzhéimer ou as drogas cando chegan a nós desde a mirada da avoa, sempre cargada de retranca e de humor.

Durante a reunión recordamos como a década dos 80 foi testemuña dunha das crises máis devastadoras do noso país: reflexionamos sobre o narcotráfico en Galicia, que actuaba como porta de entrada ás drogas desde diversos lugares de América; sobre a pouca información que se tiña sobre os efectos destas e falamos, tamén, dos narcotraficantes, que non estaban tan mal vistos naquela época e que viron na heroína un negocio moito máis proveitoso que o contrabando doutras substancias como o tabaco.




Unha semana despois, o mércores 28de xaneiro, reunímonos para comentar o segundo dos libros, Martes con mi viejo profesor

Como xa sucedera a anterior vez, gustou moito menos porque é un libro bastante profundo e filosófico, e eles considerárono triste e de narración lenta, con pouca ou case ningunha intriga. De feito asistiu menos alumnado á reunión, porque algúns non o leran. Porén, aqueles que o conseguiron fixeron unhas reflexións moi profundas e maduras sobre el: o que nos ensina sobre temas tan importantes como aprender a vivir e tamén a despedirse e morrer, a familia, a amistade, a importancia dos coidados e de vencer o orgullo e deixarse coidar...

Ao final, entre todos reflexionamos que foi un libro que pagou a pena, aínda que non nos divertiu demasiado, ensinounos moito. Hai libros que entreteñen, e outros que fan pensar.

O alumnado asistente durante o debate: