Buscar este blog

miércoles, 15 de mayo de 2024

XVI XORNADA DE CLUBS DE LECTURA

 




O pasado martes, 14 de maio, celebrouse no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a reunión anual dos coordinadores dos clubs de lectura dos centros que participamos no programa de Clubs de Lectura da Consellería de Educación. 

Un ano máis as Xornadas cumpriron as expectativas previstas.

Trala inauguración, fíxose entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2024 á escritora Arantza Portabales, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2022-2023. Posteriormente falou de como e cando empezou a escribir, sinalando que, precisamente, grazas ás bibliotecas escolares fíxose escritora. A súa naturalidade  e espontaneidade fixeron que a charla resultase moi entretida.

O programa contou, ademais, coa intervención por videoconferencia da antropóloga e investigadora Michele Petit e sesións simultáneas de obradoiros de teatro, poesía, cómic e mesas de experiencias de centros integrados no programa arrededor dos clubs de lectura. A xornada foi pechada pola autora de banda deseñada Julia Lago.

 Parabéns unha vez máis por estas Xornadas e pola boa organización!


                                          FOTOS DOS ENCONTROS




















miércoles, 8 de mayo de 2024

QUINTA REUNIÓN DO GRUPO DE MAIORES

 

       
                    QUINTA REUNIÓN DO GRUPO MIXTO DO  CLUB DE LECTURA

O pasado martes, 7 de maio, reunímonos de novo os membros do grupo mixto do Club de lectura para comentar o libro, O puño e a letra de Yolanda Castaño.

O puño e a letra é unha publicación que reinterpreta desde o cómic a poesía de Yolanda Castaño. É a primeira obra deste xénero, coñecida como poética, escrita e debuxada en galego. Este BD foi premiado como mellor cómic do ano en galego no ano 2018.

En xeral o libro custounos lelo á gran maioría. É complicado entender este tipo de poesía, con todo, as ilustracións, todas elas espectaculares, axudáronnos a interpretar os versos.

Na reunión, algúns dos membros limos o noso poema preferido, facendo máis amena a tertulia e finalmente, eliximos a próxima lectura, esta vez unha obra de teatro, La dama del Alba de Alejandro Casona

                                    DIFERENTES MOMENTOS DA POSTA EN COMÚN

   







                           
                                                  A NOSA PRÓXIMA LECTURA